Comentarios

A ESCULTURA DE XOÁN VILA

ANTÓN BAO ABELLEIRA

Non se sabe moi ben se Xoán Vila procura adrede ou atopa por azar formas na natureza que despois é quen de transformar nas súas realizacións escultóricas. En todo caso, a madeira proporciónalle o celme dos seus soños, a madeira na súa forma orixinal cóntalle o que existe e el, cun sopro de alento, adiviña o que existirá.

Xoán, no seu obradoiro de Romeán, traballa e vive para a escultura, e, como se fose unha divindade das fragas, absorbe das formas puras das madeiras do país o zume que dá vida a ringleiras de personaxes silenciosos e abstraídos, “pasmadiños e calados” figuras con paisaxe propia que furan nos valados da memoria e que cobran algún xeito de vida para enfrontar o espectador coa propia textura interior do ser humano.

O escultor de Romeán procede das artes populares e sendo como é posuidor do oficio da talla, dominador das súas técnicas, recursos e ferramentas, da acugulada sabedoría informada por séculos de tradición; aplica a súa conciencia e a súa sensibilidade franciscana á irmá madeira para, coa devoción dun avogoso santiño laico, crear o seu propio e polícromo retablo da vida, impregnado sempre dun humor suave e sen malicia.

A mostra “Pasmadiños e calados furasebes” que Xoán Vila trouxo á Deputación de Lugo, organizada pola Rede Museística Provincial e recollida neste catálogo que me honro en presentar, tivo unha extraordinaria acollida de público e unha impresionante repercusión mediática. Acóllome ás palabras do poeta Xulio L. Valcárcel para dicir que Vila saíu “airoso do envite” de expoñer no Pazo de San Marcos e aproveito para desexarlle, dende a admiración, a este escultor entrañable e discreto o mellor dos percorridos nos seus vindeiros proxectos artísticos.

DARÍO XOHÁN CABANA

A exposición das esculturas en madeira de Xoán Vila na grande sala da Deputación é un acontecemento que vai ser lembrado, porque é a consagración pública dun gran artista, dun artista silandeiro, discreto, meu querido veciño, que ten o seu obradoiro na casa familiar á sombra das nobres carballeiras da parroquia de Romeán. Alí é onde Xoán Vila busca carrouchas e cotelas, táboas un pouco raras e raíces de árbores. Coma tal, pasa por diante da casa de Pepe o fontaneiro, que está diante da miña, e ve que o Pepe xuntou unha morea de cotelas de carballo e castiñeiro para facer leña. Ó Xoán hai algunha que lle chama a atención, e pídella co seu sorriso encantador. Despois fai falar co Rego, a ver se lla pode levar co tractor para o seu obradoiro, e o Rego pode, xaora, que é un tipo moi servizal e bo veciño, moi sorridor tamén. Unha vez alí na aira, o Xoán Vila quédase mirando para a cotela, e pregúntalle que é o que quere ser. Se cadra aínda tarda algúns días, pero a cotela acaba contestándolle: “Quero ser un home deitado, de tal e tal maneira”. Entón o Xoán Vila obedécelle: agarra os serróns, os machados, as eixolas, as gubias e as outras ferramentas da arte e empézalle a quitar o que lle sobra, como deixou mandado o mestre Miguel Anxo Buonarrotti, e vai quedando, coma tal, ese home deitado que vemos ó entrar na exposición, tan tenro e tan desamparado, e unha nocha que había na torada faille na cara unha mancha coma se fose un cancro na pel, e iso é precisamente o que máis nos conmove.

Xoán Vila empezou hai moitos anos, e empezou polo auténtico principio, aprendendo con rigor o oficio artesán da talla, facendo figuras convencionais, sen ambición artística. Unha vez apresa a técnica, Xoán escoitou as súas voces interiores e as propias voces da madeira, que ten durmindo dentro un mundo de formas que se suscitan só cando son chamadas polo xenio. E fíxose escultor, un creador potente e tenso, expresionista, duro e tenro asemade, dono dunha destreza de artesán auténtico e ademais posuído polo xenio, pola forza creadora e intelectiva que fai o gran artista. As gubias de Xoán Vila forman trazos, liñas, ritmos que nacen da febra e mais dos nós, que son lapas de lume ou raxadas de vento na pura materia da madeira. E algunhas destas esculturas, policromadas con óleos diluídos que non ocultan as texturas, aproveitan tamén a potencia da cor insinuada polas formas. Coma tal na princesa un pouco parviña que se apoia nun pé e se retorce desa maneira tímida e nerviosa, tal e como quería a curvatura da torada onde estaba encerrada antes de o Xoán a descubrir.

Eu ben quixera que este fose un ensaio e seguir enfiando moitas páxinas sobre as diversas esculturas e as cousas que nos fan sentir. Pero isto é só un saúdo a Xoán Vila, unha expresión de admiración, un recoñecemento, un anuncio público de que un gran artista montou na sala de exposicións da Deputación unha exposición abraiante, fermosísima.

NOELIA CASTRO LAGE

Baixo a nomenclatura de ¿VALORES! preséntase na Casa da Cultura de Burela unha nova exposición, que vén a engrosar a prolífica obra do escultor lucense Xoán Vila, e que dá mostra da súa calidade creativa.

Terminolóxicamente falando, «valores» ten acepcións moi variopintas. Aínda que a sociedade na que vivimos valora o diñeiro, o material, o palpable, noutro punto atopamos o valor da amizade, da solidariedade, do compromiso. Xoán Vila, a través desta mostra cargada de metáforas e iconoloxías, fainos reflexionar sobre o que debemos valorar, sobre o que os demais valoran de nós; fainos mirar o máis profundo do noso ser e, sobre todo, fainos reflexionar.

En cada unha das figuras agochase un porqué, un significado, unha razón de ser, de todos eses valores humanos que a nosa sociedade, e nós como cidadáns que somos, imos devaluando progresivamente. Amizade, comunicación, axuda, afecto; valores clásicos agora plasmados dende unha óptica moderna, vangardista e, por riba de todo, persoal, froito dun arte sincrético, cargado de matices que en ocasións rozan a estética surrealista, perceptible en obras como a que leva por título Pensamentos, mentres que noutras obras deixan paso a rasgos abstractos. Porén, non se trasgriden os límites da figuración.

O artista parte da natureza que nos rodea, e do ser humano como fonte de inspiración, pero non trata de imitala, senón de interpretala, dignificando a esencia en prol da aparencia. En definitiva, trata de expresar sensacións, emocións, sentimentos. Por iso, estilisticamente, o termo que mellor a define é o de obra expresionista, que distorsiona e deforma a realidade co obxectivo único de expresar, esaxerando o tamaño das mans para amosar a importancia de axudar (Expresións), de comunicarse (Punto de encontro), ou ben que entrelaza as mans en posicións antinaturais para expresar axuda e cooperación (Estudo circense), acollida (Lírica vital II), ou protección (Dous mellor ca un). Expresividade nos rostros, movementos irreais das figuras, que tenden ao helicoidal para amosarse intrépidas, cheas de temor e incerteza (Con buen pie).

Trátase, en definitiva, dunha visión persoal do mundo, dando lugar a unha arte conceptual e tremendamente metafórica.

E, como non podía ser doutra maneira, a técnica empregada camiña da man desa expresividade, que se converte no centro neurálxico de toda a mostra. Xoán Vila amosa unha vez máis a súa predilección pola madeira, material nobre e autóctono, que traballa con singular mestría. Pero lonxe queda aquel realismo das súas primeiras obras, nas que buscaba representar con exactitude e minuciosidade os elementos aos que facía referencia. Agora o artista xoga co veteado para suxerir e diferenciar fisionomías; xoga co claroscuro para impactar e amosar contrastes, e, sobre todo, xoga coa textura, que en algunhas ocasións recorda o «non finito», aínda que trasladado a un plano moi persoal, froito do sincretismo e da formación autodidacta de Xoán Vila.

¿Valores!, ¿que valores nos caracterizan? ¡De cantos valores nos esquecemos! ¿Que valoramos dos demais? ¡Cantas veces pechamos os ollos ante o mundo que temos diante! Como manifestan as esculturas desta mostra, esculturas que cobran vida propia, buscando a comunicación co espectador. Por iso, convídovos a que as contempledes detidamente, a que descubrades a súa esencia e, sobre todo, a que desfrutedes da visita, tanto como o artista desfruta do proceso de creación. Porque Xoán Vila concibe a arte como a expresión suprema dos sentimentos. Xoán é a man máxica que transforma o material en inmaterial, o tradicional en vangardista, e o cotián en arte.

MARGARITA LEDO ANDIÓN

NA CERNA, AS ÁS
Nos recoñecemos un anxo polas ás. Pola velocidade — móvense mentres abres e pechas os ollos — e por estaren sempre indo dun sitio para outro. Adoito collen forma no asubío, na luzada, nos fluxos, no movemento ou collen forma humana: JUAN VILA.

Os anxos traen noticias. Os ventos traen noticias. As xentes en pasaxe levan e traen noticias, tal os metais alados de JUAN VILA. Os anxos non poden deturpar as noticias — nin os materiais — no seu propio interese, ou, se así o fan, caen. E o anhelo de que as cousas vaian para mellor púxolles ás aos anxos en todas as súas formas de representación.

XULIO LÓPEZ VALCÁRCEL

A exposición das esculturas en madeira de Xoán Vila na grande sala da Deputación é un acontecemento que vai ser lembrado, porque é a consagración pública dun gran artista, dun artista silandeiro, discreto, meu querido veciño, que ten o seu obradoiro na casa familiar á sombra das nobres carballeiras da parroquia de Romeán. Alí é onde Xoán Vila busca carrouchas e cotelas, táboas un pouco raras e raíces de árbores. Coma tal, pasa por diante da casa de Pepe o fontaneiro, que está diante da miña, e ve que o Pepe xuntou unha morea de cotelas de carballo e castiñeiro para facer leña. Ó Xoán hai algunha que lle chama a atención, e pídella co seu sorriso encantador. Despois fai falar co Rego, a ver se lla pode levar co tractor para o seu obradoiro, e o Rego pode, xaora, que é un tipo moi servizal e bo veciño, moi sorridor tamén. Unha vez alí na aira, o Xoán Vila quédase mirando para a cotela, e pregúntalle que é o que quere ser. Se cadra aínda tarda algúns días, pero a cotela acaba contestándolle: “Quero ser un home deitado, de tal e tal maneira”. Entón o Xoán Vila obedécelle: agarra os serróns, os machados, as eixolas, as gubias e as outras ferramentas da arte e empézalle a quitar o que lle sobra, como deixou mandado o mestre Miguel Anxo Buonarrotti, e vai quedando, coma tal, ese home deitado que vemos ó entrar na exposición, tan tenro e tan desamparado, e unha nocha que había na torada faille na cara unha mancha coma se fose un cancro na pel, e iso é precisamente o que máis nos conmove.

Xoán Vila empezou hai moitos anos, e empezou polo auténtico principio, aprendendo con rigor o oficio artesán da talla, facendo figuras convencionais, sen ambición artística. Unha vez apresa a técnica, Xoán escoitou as súas voces interiores e as propias voces da madeira, que ten durmindo dentro un mundo de formas que se suscitan só cando son chamadas polo xenio. E fíxose escultor, un creador potente e tenso, expresionista, duro e tenro asemade, dono dunha destreza de artesán auténtico e ademais posuído polo xenio, pola forza creadora e intelectiva que fai o gran artista. As gubias de Xoán Vila forman trazos, liñas, ritmos que nacen da febra e mais dos nós, que son lapas de lume ou raxadas de vento na pura materia da madeira. E algunhas destas esculturas, policromadas con óleos diluídos que non ocultan as texturas, aproveitan tamén a potencia da cor insinuada polas formas. Coma tal na princesa un pouco parviña que se apoia nun pé e se retorce desa maneira tímida e nerviosa, tal e como quería a curvatura da torada onde estaba encerrada antes de o Xoán a descubrir.

Eu ben quixera que este fose un ensaio e seguir enfiando moitas páxinas sobre as diversas esculturas e as cousas que nos fan sentir. Pero isto é só un saúdo a Xoán Vila, unha expresión de admiración, un recoñecemento, un anuncio público de que un gran artista montou na sala de exposicións da Deputación unha exposición abraiante, fermosísima.

JOSÉ MARÍA LUGILDE

Na exposición de Xoán Vila no Pazo de San Marcos quedei gratamente sorprendido pola súa evolución. En xeral, gustáronme tódalas pezas, pero hei de ser sincero: unhas máis que outras. Na entrada, a escultura xacente enfeitizoume. Eu diría que outra escultura, entrando á esquerda e que está moi arrecunchada, é unha peza moi estilizada, dúas figuras nunha soa, pero o reverso non se ve, polo que debería estar colocada na nave grande, no centro, para apreciala en todo o seu contorno. Á dereita, tamén acantoada, unha escultura que me atrevo a titular Xudaizante en vermello, moi orixinal, sobresae moito –diría eu– entre as demais esculturas pola súa policromía, que a favorece moitísimo. De tódalas demais esculturas policromadas que están na parede chamoume a atención a figura que está a escalar para chegar ó seu cadro e que, para min, representa a busca do eu profundo en base a unha fe que todos, dun xeito ou outro, levamos no noso interior máis profundo. A instalación representa o secreto revelado do mundo de Xoán, que á súa vez ten a xenerosidade de proxectalo cara ós demais sen falsos subterfuxios.

Este grande artista recrea un mundo propio cun estilo moi definido, lonxe de falsos artificios, e consigue comunicar ó espectador máis avezado todos eses matices onde a peza comunícase, sedúcete, atrápate e non podes nin debes esquecela. Xoán Vila está chamado ó olimpo dos grandes, e mesmo coido que Fidias –o grande escultor da representación de Atenea para o Partenón– daríame a razón. E se non, ó tempo, el encárgase sempre de poñer as cousas no seu sitio. O talante deste artista é o dunha persoa cunha sensibilidade diría santificada, unha máxica sabedoría que lle conduce por vieiros ou camiños que o levan a esas metas ás que el desexa chegar. Polo feito de ser artista está case obrigado a ser un alquimista que cruza materia con espírito, logrando pezas esculpidas que están en horizontes moito máis afastados e máxicos que a nosa retina sagrada e mándrica ou polimándrica poida ver, acadado ese universo artístico-plástico que outros xa quixeran para si. Xoán, augúrote un futuro no que te relacionarás de preto cos máximos expoñentes da escultura universal.

XOSÉ OTERO CANTO

As forzas telúricas dos ancestros pregan, falan polas bocas deuterotocias da madeira asexuada, e arrastran conceptos no devagariño das cotelas.
Tarugos de castiros coma castelos fornecen as gubias apreixadas en paixóns retorcidas chamando a berros arrebatados.
Esperpentos valleinclanescos nos espellos cóncavos de Xoán Vila sofren iniquidades entre as vetas circundadas de segredos.
Pregues de paixóns estordegadas de dor e asombro no espasmo dos días e no espanto terrorífico da sorpresa.
Perfís hieráticos exipcíacos cheos de amargura e asombro, de angustia e mágoa.
Laoconte e os seus fillos botados ao averno dos pesares e do sufrimento.
Bocas abertas e ollos saltóns entre o espanto e o pranto.
Bifrontes enxendros na planicie das formas que escoitan a expresión das pantasmas.
Parálise nas fazulas abovedadas dunha obra chea de arte e de misterio.

JOSÉ LUIS OTERO CEBRAL

A obra de JUAN VILA plasma desexo e intelixencia con esa imaxinación e sensibilidade que o caracteriza, alimentando o gusto artístico como se fose unha emoción que, por sorpresa, chega ao noso interior.

No seu quefacer hai a expresión do silencio como algo que leva consigo imaxinación e dúbida, como un luceiro que pasa desapercibido porque é insignificante e non quere que o molesten.

No traballo deste artista hai un balcón desde o que o espectador pode ver o verdor da terra que o viu medrar, o amarelo da lúa que enfeitiza a súa creación, e o azul da inmensidade das súas obras.

PACO PESTANA

A nosa xente divertiase con sencillez e anque intensamente. E os “inventos” languidecían como apariciós familiares ou extravagancias de corte hereditario. Cando a alguien se lle chamaba “artista ou poeta” como mínimo, era atribuirlle os sambenitos de arbitrario, veleta ou folgazán. Artistas e escritores salían de debaixo das pedras. E parece que este mundo heredado o non ter a posibilidá de vivir peligrosamente grandes aventuras soio nos queda, a de cazar fantasmas para completar unha imaxen que temos fatigada pola realidá.

Xoán Vila da raia de Castroverde é un escultor “clandestino”, desos que agroman despois de facer o seu oficio, de vivir e sobrevivir. Calado, e sumamente discreto anduvo tocando a zoca polos “oficios” do arte facendo de menestral e aprendendo as argucias da cociña artística como un devoto frailuco tomando apuntes calados entre sorrisos e parabéns de pillo-pillaván.

Xoán leva muitos anos hipnotizado pola escultura. E falando dela véselle a vocación e unha devoción sin fisuras. Sin prisas vanguardistas, adocenouse labrando con primor santiños asexuados e fantasmas de ollos estalicados, absortos entre o espanto e a parálisis facial. Xoán facía santos sin ceo e bichos de dios sin sexo nin plumas.

Aunque él sempre tuvo unha gramática parda fascinada por contar batallas de pudorosa pedagoxía moral. Quere explicarse para que os seus enxendros mentales paridos, mudos e fatales sexan unha especie de salmodia redentorista e rural. El poñía a súa alma en facer sagrarios laicos en madeiras do país, castiñeiros, carballos e vidueiros.

Leal a línea curva este coleccionista de xoguetes e aveños é cazador de reliquias.

Ahora está entrando felizmente no seu mundo. Atrapallando a libertá, pero con teimosa insistencia, facendo da súa capa un sayo.

E si a esta feira vas traerasme un lisiado e un cuco, unha pulga e un pazpallar.

Traerasme si me traes un furasebes e un mira-patrás. Traerasmo.